Doazón de sangue este sábado na rúa da Cruxa

Doazón de sangue
M. Outeiro
Cruce da rúa da Cruxa coa avenida Rosalía de Castro, onde estará a unidade móbil. Foto: MG

A Maía. A unidade móbil de doazón de sangue estará este sábado 16 de abril no Milladoiro, na rúa Cruxa, á altura do cruce coa avenida Rosalía de Castro. O horario será de mañá, de 10.00 a 15.00 horas. E, por mor da pandemia do coronavirus, e para regular a afluencia de doantes e evitar esperas, cómpre solicitar cita previa chamando ao número de teléfono 900 100 828.

Ao fío, dende o Concello lembran que na situación actual, na que necesariamente hai que seguir gardando certas prevencións sociais encamiñadas a preservar a saúde de todos, trabállase con cita previa para regular a afluencia de doantes, evitando esperas. Pola súa banda, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia. Por iso fai recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos, xa que os hospitais galegos precisan 10.000 doazóns ó mes. M.O.