Dodro nomeou a Rosalía de Castro Filla Adoptiva por relevancia e difusión

Rosalía de Castro
O.D. Vilar
Xoán X. Vicente, esquerda, Anxo Angueira e Castro. Foto: CG

Dodro. O Concello de Dodro celebrou o acto de entrega do título honorífico de Filla Adoptiva, de xeito póstumo, á poeta Rosalía de Castro no auditorio da Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón.

A distinción foi outorgada polo pleno da Corporación municipal de Dodro, o 11 de agosto de 2022, á senlleira poeta como recoñecemento tanto á súa relevancia literaria e cultural como á contribución á promoción e notoriedade de Dodro. No acto homenaxe deste sábado interviron Anxo Angueira Viturro –presidente da Fundación Rosalía de Castro–; o mandatario local, Xabier Castro Tourís; o concelleiro de Cultura e Patrimonio, Xoán Xosé Vicente Franco; e o escritor Manuel Lorenzo Baleirón. A música foi a cargo de Secho.

Segundo o Concello de Dodro, “este nomeamento supón un acto de xustiza social polo traballo da poeta na defensa da nosa lingua e cultura”, lembrando que o acto foi emotivo, simbólico “e sobre todo, universal”. O. D. Vilar