Dodro presume de arquitectura local vencellada á auga

As fontes, lavadoiros e muíños puxéronse en valor a través da difusión de fragmentos do libro sobre toponimia de Lorenzo Baleirón
Arquitectura
María Rendueles
Fonte e lavadoiro de Revixós, en Dodro. Foto: Obaixoulla

A auga centrou a actividade no Concello de Dodro con motivo da celebración, o pasado día 22, do Día Mundial de este líquido esencial para a vida. Así, os responsables municipais organizaron unha actividade de divulgación da arquitectura local da auga nas redes sociais, na que puxo en valor as fontes, lavadoiros e muíños de Dodro, a través das publicacións de fragmentos do libro Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga, de Manuel Lorenzo Baleirón, e a través das publicacións de enlaces ao catalogo de elementos patrimoniais obaixoulla.gal, onde se recollen elementos patrimoniais.

Outra das actividades foi a realización dunha mesa de traballo nomeada Os retos da auga en Dodro, que tivo lugar o pasado día 23 de marzo e na que se contou coa participación dun técnico da entidade pública Augas de Galicia, dun técnico da empresa concesionaria Viaqua, do concelleiro de Cultura e Patrimonio e do alcalde de Dodro.

Nela, púxose de relevancia a importancia da auga, analizouse a situación das redes de abastecemento e saneamento municipal, recoñecendo o gran esforzo inversor que están a realizar para a mellora destas redes, así como a importancia da separación das augas pluviais da rede de saneamento. Tamén se discutiu sobre o bo estado do río Regos e regatos de Dodro.