Dodro reclama melloras en viais autonómicos ó seu paso polo municipio

Estradas
S. E.
Xabier Castro Tourís, alcalde de Dodro. Foto: G.

dodro. O alcalde de Dodro, Xabier Castro Tourís, presentoulle ao director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez Iglesias, un informe sobre intervencións en diversos puntos da rede autonómica de estradas ao seu paso polo concello, co fin de avaliar, propoñer e valorar as actuacións. Entre as intervencións, que presupostan en algo máis de 115.000 euros, piden a mellora do alumeado e da accesibilidade no enlace da AG-11 coas estradas AC-305 e AC-307, en Lestrobe, un enlace que non conta con beirarrúa ou senda que permita o cruzamento peonil, formado por dúas glorietas e que dispón dun sistema de alumeado que carece de subministro dende as últimas obras efectuadas na autovía do Barbanza. Proponse a creación dun sendeiro de 245 m e ao tempo a renovación completa da instalación do alumeado. Ademais, propón o arranxo da senda na AC-305, do P.Q. 1+000 ao P.Q. 1+070, no lugar da Igrexa de Dodro, que sofre un forte deterioro no seu pavimento; a mellora da accesibilidade da marxe AC-305, do P.Q. 1+830 ao P.Q. 1+900, no lugar de Vigo, que na súa marxe dereita carece das condicións de accesibilidade, e a reparación de pluviais na marxe dereita da estrada AC-305, P.Q. 6+780, no lugar de Bexo. s. e.