Dubidan da seguridade do pleno bañés presencial e piden que vote a nova edil

Pleno Concello
M.M.
Un pleno do Concello da Baña celebrado con munícipes e técnico, pero sen público. Foto: CDB

A Baña. A oposición bañesa de Compromiso vén de presentar un escrito no que poñen en dúbida a seguridade da sesión plenaria deste mércores día 24, ás 20.00 horas, por ser a primeira que se fará presencialmente. E, do mesmo xeito, reclaman que conste na orde do día a entrada da súa nova edil Lorena Trillo, que substitúe ao demisionario David Gontán.

Así, dende esta formación política preguntan polas medidas de seguridade que o rexedor vai ter que pór en marcha neste pleno, e de que xeito pensa garantir a distancia de seguridade e o aforo; se van destinar persoal municipal a controlalo; cal vai ser a cifra máxima de asistentes e como se vai discriminar o acceso, ben por orde de chegada ou doutra maneira.

Tamén insisten en que debe de facilitarse canto antes á valedora do pobo a información solicitada sobre o cumprimento obrigado das mocións, neste caso sobre transparencia municipal. M.M.