Escoitan aos grupos que ensaian nunha Factoría municipal que van mellorar

Música
M.M.
A edil Escarlata Pampín, cuarta esqu., con usuarios. Foto: CA

A Maía. Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade, vén de se reunir cos usuarios do local de ensaio da Factoría, co obxectivo de escoitar as súas proposta no referente a mellorar o servizo e máis este local que se emprega para o ensaio musical. E, ao fío, anunciou que xa teñen previstas obras e reformar a fachada dun espazo que na actualidade, empregan, e autoxestionan, un total de trece grupos.

Dende o pasado verán, que retomou a súa andaina este local, pasaron pola concellería de Cultura, para inscribirse no censo de artistas, e pola de Mocidade, para solicitar o uso da Factoría, máis dunha ducia de grupos. Posteriormente, durante o período de Nadal de 2021, a Factoría estivo pechada ao público para executar varias melloras do local, co obxectivo de que sexa máis acolledor para os propios músicos. Efectuáronse melloras en canto ao illamento e insonorización, e despois de executalas o local volveu abrir as súas portas o día 12 do mes de xaneiro.

Para poder reservar o local (pódese facer dende xullo), polo menos, un dos seus integrantes debe estar empadroado en Ames e o grupo debe estar dado de alta no censo municipal de artistas. O horario do local de ensaio será o solicitado polos propios conxuntos entre as 10.00 horas e as 22.00 h., sempre e cando non estean organizadas outras actividades polo propio Concello. Unha vez enviada a solicitude, a concellería de Mocidade entregará á persoa solicitante unha autorización para o seu uso. m.m.