Esixen revisar rutas, medios e horarios do bus escolar de Teo

Transporte escolar
O.D. Vilar
A deputada Noa Díaz, esquerda, con Mayte Argibay e Uxía Lemus diante do IES de Cacheiras. Foto: PS

Teo. A deputada socialista Noa Díaz acaba de instar en sede parlamentatria á Xunta a esixir á concesionaria do transporte escolar en Teo, Monbus, “o cumprimento íntegro do contrato”, e a que a inspección elabore un informe de rutas, horarios, paradas e vehículos dispoñibles para este servizo.

Díaz, que fai extensible o “caos” no transporte a toda Galicia “dende que se adxudicou o novo contrato” a finais de 2021, afirma ao respecto do CEIP de Calo que “curiosamente cada luns os autobuses das liñas 1 e 3 esquecen ir recoller ás oitenta nenas e nenos que fan uso deste servizo, provocando que sexan as familias as que o teñen que facer, de xeito que se bota por terra a conciliación”.

En canto ao CEIP Plurilingüe de A Ramallosa, a Xunta contratou tres liñas de bus, “pero na actualidade só poñen a disposición do alumnado dúas”, mentres que no Instituto de Cacheiras, “tanto a ANPA como a dirección teñen emitidas queixas sobre o pésimo servizo; en concreto coa ruta de Lampai, que chega a recoller en moitas ocasións aos escolares con 40 minutos de atraso”. O. D. Vilar