Esixen rigor en Niveiro ante a restauración da súa canteira

Restauración
O.D. Vilar
Espazo que ocupa a canteira de Niveiro, en Val do Dubra, que queren restaurar. Foto: Anova

Dubra. A deputada socialista Noa Díaz vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia nas que se lle reclama á Xunta o máximo rigor na avaliación dos efectos ambientais para o posible proxecto de restauración da antiga canteira de Niveiro (Val do Dubra). A nova chega despois do pleno extraordinario solicitado por Anova para tratar o tema

Desta maneira, Díaz recolle a preocupación do grupo municipal socialista desa localidade que alertou sobre “a falta de transparencia e de información” en torno a esta iniciativa, a pesar de terlla requirida ao goberno municipal. A deputada explica que esa preocupación, que tamén afecta á veciñanza, xorde tras a consulta informativa realizada por unha empresa sobre a posible rehabilitación desa antiga canteira con residuos non perigosos. “O proxecto conta cun informe negativo do propio Concello”, sinala, pero “parece que a empresa mantén o seu propósito”, di.

Nesta liña, afonda en que “existen dúbidas e moita preocupación polas consecuencias”, como o tráfico pesado, ruído, cheiros e a afectación dos acuíferos. O.D. Vilar