Esta fin de semana chegan á estación de Vedra máis concertos, mesas redondas e obradoiros

Cultura
Claudina Estévez
Un momento da Feira de Artesanía na Nave da Estación. Foto: C.V.

Vedra. Dende o Concello vedrés lembran aos veciños e veciñas, así como á xente da comarca, que esta fin de semana continúa nas instalacións da antiga estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla o proxecto A Estación Cultural, apoiado pola Xunta a través do programa Territorio Cultura para ampliar e diversificar a oferta cultural no rural. Así, os días 21 e 22, sábado e domingo respectivamente, os vedreses e vedresas teñen unha nova cita na Nave da Estación.

A cita do 21 arrancará ás 18.30 cunha exposición dos creadores de Vedra e ás 19.30 horas desenvolverase unha mesa de experiencias sobre creadores/as locais. Á noitiña, a partir das 20.30, será o turno dos concertos con Charanga BB+, OKeOK e Pauliña.

Na xornada do día seguinte haberá obradoiros para os máis pequenos da casa e un streaming entre creadores vedreses e da Sociedad Parroquial de Vedra en Bos Aires. Xa ás 18.00 horas proxectaranse as curtametraxes gañadoras das catro edicións do Lav. Mov. Asociación Senunpeso, e ás 18.30 poderá verse o documental O gran camiño. Actividades para todos. C.E.