Estreitan lazos locais polo ben dos dereitos humanos

Derechos humanos
M.M.
Un encontro intercultural en Ames con veciños procedentes de 18 países distintos. Foto: CA

A Maía. A concellaría de Benestar Social de Ames vén de adherirse á campaña 10, 100, 1000 Cidades e Territorios de Dereitos Humanos para 2030, unha iniciativa da Organización Mundial de Cidades e Gobernos Locais Unidos (CGLU). O obxectivo deste proxecto é reunir aos gobernos locais e rexionais que desexan concretar os dereitos humanos mediante o acceso á educación, a vivenda, a saúde, a alimentación e a seguridade, establecendo marcos transformadores contra a desigualdade, a discriminación ou o cambio climático. Trátase dun chamamento internacional sen precedentes, que xorde das cidades de Barcelona, Grigny, Gwangju, México, Utrecht e Viena, que convidan a formar parte das cen primeiras cidades e territorios comprometidos cos dereitos humanos. E Ames é un Concello que duplicou poboación nos últimos 20 anos polos numerosos veciños chegados doutros países e cidades, con máis de 33 nacionalidades diferentes. M.M.