Expertos e investigadores expoñen hoxe as súas conclusións sobre as Brañas de Laíño

A xornada celébrase esta tarde, a partir das 19.00 horas, no pavillón municipal do concello de Dodro
Patrimonio natural
S. E.
Panorámica das Brañas de Laíño, no concello de Dodro

Dodro. Esta tarde, ás 19.00 horas, terá lugar no pavillón municipal de Dodro a xordada As Brañas de Laíño, mudanzas impostas, organizada polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Contará coa presenza do alcalde, Xavier Castro; os promotores do proxecto; o catedrático de Historia Contemporánea e coordinador do grupo Histagra, Lourenzo Fernández Prieto; o investigador da USC David Fontán e os membros da Fundación RIA Manuel Rodríguez e Adrián Capelo, éste último editor.

Ao longo do último ano a Universidade de Santiago, da man de Histagra e a Fundación RIA, levaron a cabo o proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un espazo pioneiro de investigación e acción, apoiado pola Fundación Banco Santander, que puxo especial atención ás Brañas de Laíño por ser comunal no pasado, que a través de diferentes procesos de reestruturación e protección, perdeu a súa condición de espazo produtivo agrogandeiro e caeu, en gran medida, no abandono.

O Laboratorio é un proxecto que mira ao pasado e ao presente das comunidades locais para impulsar os aproveitamentos sustentables e vén de editar a obra colectiva Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro, que se pode descargar na web barbanzaecosocial.org. A publicación recolle información de veciños e veciñas de Dodro que relatan a relación pasada e presente co territorio en xeral e coas coas brañas en particular.

Ademais de describir a investigación e abrir un debate, no acto presentarase a convocatoria de Proxectos Semente, cos que o Laboratorio apoiará cun máximo de 15.000 € proxectos que fomenten a sustentabilidade do territorio. A presentación de propostas realízase a través dun formulario online na web do Laboratorio, e ata o 7 de xuño. s. e.