Finaliza unha nova edición do programa de voluntariado xuvenil en Boqueixón

Os dez participantes intercambiaron experiencias coas persoas voluntarias do veciño municipio de Vedra
Voluntariado
El Correo Gallego
Algúns dos participantes no voluntariado xuvenil de Boqueixón.

Boqueixón. O Concello de Boqueixón vén de finalizar unha nova edición do seu programa de voluntariado xuvenil. Foron un total de 10 os mozos e mozas que participaron nesta iniciativa que comprendeu tanto formación como propostas lúdicas.

Entre os labores a desenvolver durante os meses estivais atopáronse as de información á peregrinos e as de atención sociocomunitaria. Neste último caso, centráronse principalmente en tarefas de apoio ao monitorado deste programa. Unha experiencia que lles serviu para descubrir o traballo dos e das profesionais deste sector

Como broche a varios meses de actividade ofrecéronse no mes de setembro tanto unha xornada de convivencia como unha formativa e de intercambio de experiencias coas persoas voluntarias do municipio de Vedra. Ambos os dous Concellos traballan conxuntamente no Programa de Voluntariado Xuvenil Val do Ulla. A primeira comprendeu unha actividade de orientación e descuberta na contorna da Área Recreativa de Agronovo e unha escalada na Ponte Ulla.

Como complemento a esta proposta de lecer, ofreceuse unha xornada formativa na que se falou sobre a Evolución e perspectivas do voluntariado ullán. A xornada, desenvolvida na Nave da Estación de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra), serviu para intercambiar experiencias entre toda a mocidade voluntaria de ambos os dous concellos. A cita contou coa presenza do alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín. O rexedor gabou o labor realizado pola mocidade do municipio ao tempo que puxo en valor a importancia de contar con este tipo de iniciativas tan importantes para o desenvolvemento persoal e profesional das persoas participantes.