Firmas polas modificacións no bus na Maía e na Barcala

Transporte metropolitano
O.D. Vilar
Un bus do transporte metropolitano realizando unha parada na capital da Maía. Foto: CDA

A Maía. A supresión de horarios no transporte público que conecta con Santiago á Baña, Negreira, Brión e Ames, servindo para o transporte entre estas localidades, xerou malestar e queixas entre as persoas usuarias. Por iso, o BNG puxo en marcha unha recollida de firmas para remitir á Xunta, xa que, sen previo aviso, os usuarios víronse privados dun servizo metropolitano moi demandado para acudir aos seus traballos ou centros educativos.

A supresión de liñas veu acompañada de “información confusa por parte da empresa concesionaria, tanto no relativo ás causas como, propiamente, aos novos horarios”, aseguran, apuntando que nin foron informados os colexios afectados nin foron trasladados de maneira concreta aos puntos de información da propia empresa, “existindo mesmo discrepancias nas informacións facilitadas”.

Ao seu xuízo, “resulta, cando menos, sorprendente, que unha empresa adxudicataria dunha licitación de interese público como é o servizo de transporte poida modificar os criterios de actuación e servizo priorizando exclusivamente criterios economicistas por riba do bo servizo”. Ademais, os clientes critican os cambios de autocares por microbuses. O.D. Vilar