Formación en Sergude para analizar os queixos galegos

Formación
Claudina Estévez
O curso terá lugar o 30 de agosto e o 1 de setembro. Foto: espana. gastronomia.com

Boqueixón. A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto organizar un curso de formación complementaria á iniciación da análise sensorial dos queixos galegos con

denominación de orixe protexida (DOP). A acción formativa desenvolveríase os días 30 de agosto e 1 de setembro no Centro de formación e experimentación agrogandeira (CFEA) de Sergude en horario de 16.00 a 21.00 horas.

O obxectivo principal deste curso é continuar coa formación na análise sensorial dos queixos galegos con DOP, polo que se dirixe especialmente a todos aqueles que asistiron á do pasado ano ou que xa teñen nocións no eido. De todos xeitos, o curso está orientado en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira.

Os interesados poderán anotarse cubrindo a solicitude dispoñible na web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal.