Trenor animou aos veciños de Noia a solicitar a nova orde de axudas para corrixir os impactos urbanísticos // Este programa conta cun orzamento dun millón de euros e cunhas 300 actuacións // Piden a colaboración dos concellos TEXTO M. Cano

Galicia planta cara ao feísmo paisaxístico con novos apoios

Paisaxe
María Cano
Santiago Freire, 3.º pola esquerda, e Gonzalo Trenor, 4.º, acompañados por varios concelleiros onte durante a visita en Noia. Foto: Xunta de Galicia

Aquelas persoas que desexen cambiar un tellado ou mellorar o aspecto da medianeira do seu edificio, que teñan a fachada da súa vivenda con ladrillo á vista ou queiran variar a tonalidade da pintura e renovar o exterior, xa poden solicitar unha nova orde de axudas que o Executivo autonómico convoca, por primeira vez, para emendar e corrixir máis de trescentos impactos paisaxísticos nos concellos galegos, á que destina un millón de euros.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire, visitou onte o municipio para animar aos seus veciños a corrixir situacións concretas nas súas propiedades, que poden ter solución cunha actuación modesta, mediante esta liña de achegas.

O representante do Goberno galego incidiu en que esta orde recolle incentivos para que os cidadáns leven a cabo pequenas intervencións nas vivendas e inmobles da súa propiedade, co obxectivo de mellorar visualmente a edificación e evitar deste xeito un punto de impacto na contorna na que se asentan.

Asemade, recalcou que “ata o 31 de maio, os particulares ou comunidades que desexen acollerse a esta liña de axudas poden presentar a súa solicitude, que cubrirá o setenta por cento do importe global do proxecto de mellora paisaxística, que poderá incluír unha ou varias actuacións e que, en todo caso, non superará os 3.000 € por solicitude”.

Ós interesados só se lles pon unha condición: a actuación deberá adaptarse aos criterios que fixan a Guía de cores e materiais de Galicia e a Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística.

Gonzalo Trenor aclarou que outras actuacións que tamén son obxecto desta subvención son o acondicionamento e mellora de peches de fincas de gran dimensión, mediante a substitución de muros opacos por cachotería tradicional ou sebes vexetais; ou revestimento de muros de cerramento realizados con bloques de formigón.

Segundo explicaron dende o Goberno galego, esta nova orde de achegas busca o esforzo e a implicación de todos para incrementar o valor patrimonial dos inmobles e da paisaxe de Galicia.

Nese sentido, o delegado territoriol animou aos veciños de Noia e de toda a Comunidade a levar a cabo este tipo de intervencións, axudándolles a asumir o custo que implica, e para o que deberán seguir unha tramitación fácil e simple, posto que tan só deberán presentar unha pequena memoria explicativa da actuación, unha reportaxe fotográfica, a factura da actuación e a xustificación do pago realizado.

Asimesmo, o representante do Goberno autonómico tamén incidiu na importancia da colaboración dos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns, axilizando as xestións e trámites que son da súa competencia, como as autorizacións de carácter municipal que sexan necesarias para o desenvolvemento deste tipo de actuacións. Ademais, recalcou a necesidade do seu apoio para divulgar a información relativa a esta convocatoria de axudas entre os posibles beneficiarios.

Finalmente, Gonzalo Trenor destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa protección de todas as formas de paisaxe de Galicia.