Henrique Neira fai de novo homenaxe a Vedra co seu último traballo

Presentación
Claudina Estévez
Pola esquerda, Carlos Martínez, Henrique Neira e Valentín García durante a presentación. Foto: Concello de Vedra

Vedra. Onte pola noitiña o xornalista, escritor e investigador Henrique Neira presentou na Nave da Estación de Santa Cruz de Ribadulla o seu traballo Vedra. Unha historia visual. Ata o lugar acudiron un total de 60 persoas, cubrindo case o aforo máximo. A obra aborda a historia da vila dende a Prehistoria ata a actualidade.

Henrique Neira ten grandes vínculos con Vedra por vía materna e tamén paterna. De feito a este concello e a comarca da Ulla tenlles adicado numerosas investigacións: Vedra. Da Prehistoria ós inicios do século XX; Vedra. Da Prehistoria a 1900. É, ademais, coautor de Sarandón, anacos de historia; O lendario río Ulla. Viaxe desde A Ulloa á ría da Arousa; As pontes do río Ulla. Natureza e cultura; Gundián. Un achegamento a unha paisaxe natural e humana; Ulla Oralmente; O Val do Ulla. Unha comarca natural e as Coplas Ulláns e Cántigas da Ulla (coa Asociación Raiceiros). Carlos Martínez e Valentín García acompañaron ao escritor. C.E.