Inmaculada López Silva gaña o premio de poesía Baleirón

PREMIO LITERARIO
C.G.
Inmaculada López Silva, gañadora do premio Baleirón polo poemario ‘Clepsidras’. Foto: ILS

Inmaculada López Silva, escritora, crítica teatral, doutora en Filoloxía e actual docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, resultou gañadora coa súa obra Clepsidras do XXXIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2021, que convoca o Concello de Dodro. Así o decidiu por maioría o xurado, logo de valorar os trinta e un poemarios participantes, salientando de Clepsidras “a potencia das imaxes que van artellando un discurso arredor da xenealoxía feminina, ao patente reflexo das violencias cotiás, así como a exploración que fai da lingua e das formas do dicir. Ademais, a nivel formal consegue unha cadencia rítmica altamente suxestiva que coloca o texto

nunha predisposición performativa.“ O galardón, 2.500 euros (sen esquencer a publicación do traballo) entregaráselle o vindeiro 11 de decembro no CPI local.

A gañadora deste certame é autora de obras destacadas como Concubinas, Memoria de cidades sen luz, Aqueles días en que eramos malas e O libro da filla. Nesta edición o certame está coordinado pola poeta Elvira Ribeiro Tobío e o xurado está composto por autoras como Rexina Rodríguez Vega, Silvia Penas Estévez, Oriana Méndez Fuentes e o poeta Francisco Valeiras Gónzalez, xunto cos concelleiros de Servizos Sociais e Cultura do Concello de Dodro.

Despois da elección da obra recoñecida, tivo lugar unha homenaxe ao poeta, Eusebio Lorenzo Baleirón, no cemiterio de Xián de Laíño, onde está soterrado.