Segue en marcha o Inventario Forestal Continuo grazas á colaboración entre
a Xunta e as universidades de Vigo e A Coruña // A idea é crear unha folla de ruta que guíe as decisións neste sector, clave no rural galego TEXTO Claudina Estévez

Innovador e sustentable: así será o futuro monte de Galicia

Sector forestal
Claudina Estévez
No centro e pola esquerda, Antonio López, José González e Manuel Reigosa durante a xornada de onte no Pazo de Quián, Boqueixón. Foto: Xunta

O pasado ano arrancaban os labores de creación do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG), un proxecto no que a día de hoxe se segue a traballar e que onte o conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor no Pazo de Quián, en Boqueixón. Hai que lembrar que o Inventario púxose en marcha grazas a colaboración entre o Goberno galego e as universidades de Vigo e A Coruña. O obxectivo non é outro que establecer unha folla de ruta conxunta que permita, por unha banda, facer seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas, e por outra, crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitoraxe forestal continuado.

No acto de onte o conselleiro fixo fincapé no “consenso e na colaboración como catalizadores do Inventario Forestal Continuo”. Lembrou que “un 69% da superficie do territorio galego é forestal, polo que estamos ante un sector clave para o noso rural”. Deste xeito, segundo apuntou, coñecer a realidade desa superficie “permitirá avanzar nunha mellora da súa xestión, facendo as diagnoses adecuadas para a toma de decisións tanto públicas como empresariais”.

José González foi o encargado de inaugurar a xornada, acompañado do reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e do da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Unha xornada na que os representantes das universidades explicaron as súas liñas de actuación no marco do Inventario, mentres o subdirector xeral de Recursos Forestais da Consellería, Jacobo Aboal, debullou as medidas do Goberno galego en materia de montes. Pola súa banda, Manuel Barcón, xerente de proxectos de Medio Rural e Mar da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia, referiuse ao papel da Amtega no desenvolvemento dun sistema de apoio ás decisións en materia forestal con referencia catastral a partir da información de clasificación e delimitación das distintas especies. A clausura do acto correu a cargo do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

O Inventario Forestal Continuo implica todo un avance cara a un monte innovador, sustentable, ordenado e xestionado activamente ao abeiro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040. Este documento dará cumprimento a unha das recomendacións do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais, que sinalaba que era necesario crear un sistema de información e estatística forestal da nosa comunidade, como mecanismo que permitise facer diagnoses axeitadas e ser unha ferramenta fundamental para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais que están relacionadas co sector forestal.

Deste xeito, a posta en marcha do Inventario aportará información continua e precisa sobre os recursos dos montes “para valorar todos os aspectos de cada medida coa finalidade de mellorar a planificación e a xestión estratéxica, ambiental e económica. O conselleiro quixo recalcar asemade que se trata dun proceso participativo no que están presentes todos os estamentos interesados da sociedade galega.