Investimentos en traídas, pluviais e saneamentos por tres cuartos de millón en 2021

Inclúen Outeiro, Castelo, as urbes, Quintáns, Sorribas, Suevos, Biduído, Ortoño, Bugallido, Ames e Covas
Ciclo del agua
M. Outeiro
Blas García, primeiro esquerda, con María Sánchez, edil de Valladolid, segunda, que informou sobre a xestión municipal da auga. Foto: CDA

Ames. O tripartito amesán, a través da concellería de Obras e Servizos Básicos, que dirixe o rexedor, realizou durante o ano 2021 un investimento de 717.542 euros en obras relacionadas co Ciclo Integral da Auga. Pois ben: ata catro destas actuacións xa están rematadas a día de hoxe, cinco están executándose ou adxudicadas, e outra atópase en fase de licitación. Ditos investimentos realizáronse a través de tres vías: fondos propios e do Ciclo Integral da Auga; plans provinciais da Deputación da Coruña; e co canon correctivo derivado do contrato con Espina y Delfín. Ademais, para este ano está prevista a creación da Empresa Municipal de Augas.

Deste xeito, rematáronse obras de mellora de pluviais e abastecemento nos lugares de Outeiro e Castelo, na parroquia de Ames, así como de saneamento no lugar de Quintáns, tamén pertencente á parroquia de Ames. Ademais, executouse a rede de pluviais e mellora da pavimentación en Suevos e Sorribas (Trasmonte) e colocáronse novas reixas na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. En total, o importe investido nestas cinco actuacións rematadas ascende a 111.579,08 euros.

Neste senso, en 2022 serán executadas outras cinco obras que ben xa están adxudicadas ou que comezaron. A máis cuantiosa é a das pluviais da travesía de Fontaldeiro e da Agra, en Bertamiráns, iniciadas a finais de agosto cun importe de adxudicación de 143.843 euros, e tamén están en marcha as obras de mellora do abastecemento e pluviais en Framil (Biduído), por 32.777 euros.

Quedan adxudicados, e para empezar, os traballos de saneamento en Capeáns (Covas), por 13.345 €; a substitución e extensión da rede de pluviais en Lamas, 23.886 €; e o proxecto de traída e saneamento en Buceleiras e Guimaráns (66.706 €). E en licitación, as pluviais de Cantalarrana (60.796 euros). M.O.