Máis de 5.000 préstamos na Biblioteca Municipal de Ames no que vai de ano

“Vento Ferido” dentro da narrativa en galego para adultos, e “Cinco minutiños máis”, na categoría infantil foron os libros máis solicitados // Un total de 335 persoas incribíronse no servizo municipal
Libros
Redacción WEB
Biblioteca Municipal de Ames, en Bertamiráns.

Ames. “Vento Ferido” de Carlos Casares, na categoría de narrativa en galego para adultos, e “Cinco minutiños máis” de Marta Altés, na de narrativa infantil, foron os libros máis solicitados polos usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal de Ames desde o 1 de xaneiro até o 31 de outubro de 2020. Ademais, no mesmo período, 229 adultos e 106 nenos e nenas solicitaron darse de alta neste servizo municipal e realizáronse 5.440 préstamos de documentos: libros, películas e música.

O persoal da biblioteca segue a realizar os habituais eventos de animación á lectura e cando as circunstancias sanitarias o requiren traspasa esas actividades á rede para que poidan ser desfrutadas, sen limitación de aforo, por un número maior de persoas. Na actualidade, a biblioteca de Ames conta con 8.786 socios e socias.

Esta semana, as instalacións da biblioteca en Bertamiráns están pechadas por obras. Porén a sala de estudo do Milladoiro cubre todas as tardes as prazas dispoñibles que quedan despois de aplicar a limitación de aforo que ditan as normas sanitarias de loita contra a pandemia da covid-19. Os servizos de orientación, préstamo e devolucións, seguen funcionando a pleno rendemento.

Para Natividade González, concelleira de Cultura e responsable do departamento,“este feito denota a necesidade dunha aposta forte polas nosos espazos, bibliotecas e salas de estudo, o acondicionamento para o mellor uso e desfrute dos usuarios e usuarias destes servizos municipais”.