Máis espazos peonís coa améndoa de Bertamiráns

Urbanismo
M. Outeiro
Praza do Concello, no entorno da casa consistorial amesán, que xa é peonil. Foto: CDA

A Maía. O tripartito amesán vén de licitar, por 68.584 euros e co cofinanciamento dos Fondos Feder (80 %), o proxecto para crear unha améndoa central en Bertamiráns. Un espazo atractivo, de uso maioritariamente peonil ou que fomente as zonas para o paseo son algúns dos obxectivos da humanización que o Concello de Ames quere levar a cabo nesta urbe da capital maiá.

Medirá case 16 hectáreas e comprende a intersección da avenida da Maía coa avenida da Peregrina (oeste), a travesía da Peregrina e a avenida J.L. Azcárraga (norte), Camiño Novo, travesía do Lodeiro e paseo fluvial (este) e as rúas Agrelo e Alcalde Lorenzo (sur). Con esta delimitación preténdese configurar un espazo de uso maioritariamente peonil que englobe importantes puntos de atracción da poboación, como son o consistorio, o Pazo da Peregrina ou a Praza da Maía, permitindo acceder a pé ao parque do Ameneiral e creando bolsas de parquin. M. Outeiro