A Xunta reforza especialmente a cobertura territorial en varios concellos coa integración de liñas escolares // O polígono do Milladoiro sae moi beneficiado ao incrementarse a conexión con Santiago e Bertamiráns TEXTO Claudina Estévez

Máis horarios e frecuencias no transporte público da comarca

Transporte metropolitano
Claudina Estévez
Unha das paradas de autobús situadas no concello de Vedra. Foto: C. Vedra

Dende o pasado mércores 23 a área de Santiago viu reforzada a súa cobertura territorial e a capacidade de conexión entre liñas, grazas á entrada en vigor dos dous últimos contratos do transporte público interurbano nas zonas oeste e sur da comarca, a excepción de varias aldeas de Ames que deixan a 1.650 veciños sen conexión directa con Santiago.

A implantación dos últimos contratos reforza especialmente a cobertura territorial en distintos concellos coa integración de liñas escolares. Entre as distintas melloras vinculadas á aparición dos dous novos contratos, destacan o incremento da coordinación de servizos e a conectividade entre liñas, para minimizar tempos de espera e facilitar os transbordos. Tamén inciden nos horarios e frecuencias que enlazan cos polígonos de Santiago e Milladoiro, así como naqueles servizos con maior demanda por parte dos estudantes. En total, a nova oferta de transporte público nas áreas que comprenden estes dous contratos supón un investimento da Xunta de máis de 1,6 millóns de euros anuais. A prestación destas expedicións superará os 154.000 servizos anuais, sumando máis de 2,8 millóns de quilómetros percorridos por 71 autobuses, garantindo o emprego de 72 condutores e 36 acompañantes.

A posta en funcionamento da nova oferta de liñas e servizos do contrato da zona oeste da comarca de Santiago, inclúe os municipios de Ames, Brión, Negreira, A Baña, Val Do Dubra, Trazo, Teo, Padrón, Rois, Santa Comba, Outes, Zas, Mazaricos, Vimianzo, Tordoia, Muxía, Cee, Corcubión, Dumbría e Fisterra (ademais de Santiago). Entre as novidades da súa implantación, contempla estender a dous servizos diarios durante todo o ano a liña Cuca-Santiago, que une Trazo coa cidade, e que actualmente só opera os xoves laborables en período lectivo. Tamén se incorporan novos servizos ao mediodía entre Negreira e Santiago para facilitar a mobilidade de colectivos como o dos estudantes, acadando unha frecuencia de un servizo á hora por sentido. Ademais, a integración de liñas escolares estende a cobertura territorial polos núcleos de poboación de Teo e Val do Dubra a través de 36 novas liñas e un total de 98 servizos de luns a venres en época escolar.

A entrada en vigor do novo contrato na zona sur da comarca de Santiago abrangue os concellos de Rois, Teo, Padrón, Vedra, Ames, Boqueixón, Brión (e Santiago). Entre as súas novidades, ofrece incrementos de horarios e conexións. Con esta finalidade, adiántanse frecuencias da primeira hora da mañá e atrásanse á última hora do día.

É o caso das liñas rúa da Rosa- Bertamiráns- Gándara e rúa da Rosa-Milladoiro, que incorporan un servizo que chega a Santiago antes das 7.00 horas e amplían o último que sae ás 23.30h. Tamén no sentido oposto, na liña Rotonda as Viñas-rúa da Rosa mellórase a conexión de Santiago co polígono de Milladoiro a primeira e última hora do día.

O polígono Novo Milladoiro é un dos puntos máis beneficiados con este novo contrato, ao verse mellorada a súa conexión, tanto con Santiago como con Bertamiráns. A liña Polígono Novo Milladoiro–Bertamiráns, que une estes dous núcleos de Ames, incrementa tanto as frecuencias de primeira e última hora, como os servizos de ida e volta que usan os traballadores a mediodía.