Mandís amesáns polo Día da Hostalería e ‘slow food’

Hostelería
M. Outeiro
Un dos mandís que repartiu o Concello de Ames. Foto: C.A.

A MAÍA. O Concello de Ames celebrou o Día da Hostalería cun reparto de 600 mandís entre os profesionais do sector estes días. A iniciativa pretende concienciar á cidadanía da necesidade de consumir gardando sempre as medidas hixiénico-sanitarias que dita a loita contra a pandemia da covid-19. Ademais das prendas, todos os establecementos hostaleiros locais recibirán un póster-pegatina para colocar no seu escaparate onde se lembra a mesma norma de retirar o tapa bocas só para consumir. Ambos os reclamos teñen como lema Axúdanos a seguir. E, do mesmo xeito, os comedores escolares municipais amesáns súmanse á campaña Come local para achegar produtos galegos de calidade á rapazada. Fíxose en conmemoración do Día Mundial da Alimentación que chegará este venres, pretendendo dende a concellería de Educación, que encabeza David Santomil, “promover o consumo de produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade”. Por iso, o edil reuniuse coa presidenta da asociación Slow Food Compostela para establecer as propostas de educación alimentaria, e neste mes organizarase un concurso de cartaces da FAO, formación e unha degustación de produtos dos consellos reguladores. Santomil tamén avoga por acreditar ese servizo escolar municipal como Comedor Km 0 para transmitir a cultura agroalimentaria. m. outeiro