Manolo Saavedra pasa de xurado a concursante en ‘Negocios de familia’

Participa hoxe coa súa inmobiliaria Arquisip, de Ames, no último programa da tempada
Empresas
Manuel Boo
Manolo Saavedra cos seus fillos Fabián e Priscila, na fila de diante no centro, e o seu equipo de Arquisip no Milladoiro

Unha das grandes sorpresas da parrilla televisiva nesta tempada foi o programa Negocios de familia, que presenta Juan Fuentes na TVG. E un dos seus protagonistas é Manolo Saavedra un empresario que debutaba na pequena pantalla exercendo de xurado con rigor e man dura.

Esa personalidade tan especial que amosa diante dos concursantes fíxoo víctima dun desafío que aceptou e hoxe pasa ó outro lado para concursar coa súa Inmobiliaria Arquisip, situada no Milladoiro (Ames), acompañado polos seus fillos Priscila e Fabián. Enfrente estará Óptica Ana, de O Grove.

O programa que se emite hoxe ás seis e cuarto da tarde é o último desta tempada e nel o xurado aplicará a Manolo Saavedra a mesma dureza que el amosou, deixando risas, momentos divertidos e moi entretidos.

Manolo Saavedra foi un habitual no xurado xunto co estradense Isi, pero tamén formaron parte deste comité evaluador os consultores Roberto Pérez Marijuán e Nelly Rey, as empresarias Olga Santoni e Ana Corredoira ou o popular Pepo Suevos.

En cada programa, dous negocios compiten no plató por ser as mellores empresas familiares e por un premio económico de 1.500 euros, que en caso de que hoxe gañe Arquisip xa expresou o seu desexo de donalo á Asociación de la Enfermedad de Dent (Asdent), en apoio a Hugo, un rapaz de Brión que padece esta enfermidade rara.

Ao longo da tempada participaron pulperías, ferreterías, hoteis, carnicerías, tendas de moda, cerraxerías, tendas de bicicletas, xoierías, ecotendas, inmobiliarias e outros negocios de diverso tipo, procedentes de 25 lugares distintos de Galicia.

Os xuíces valoraron a execución das empresas en distintos aspectos do negocio: trato ó público, situación do local, precio dos produtos, xerencia, responsabilidades compartidas...

Tamén se analizan os distintos problemas cos que se atopan os empresarios na actividade que desenvolven e desde o programa mesmo se intentan achegar solucións imaxinativas, a través da participación de expertos asesores na actividade comercial.

O obxectivo deste espacio da TVG é dar a coñecer o pequeno tecido empresarial galego e tamén a problemática que se vive día a día nunha pequena empresa familiar.

Co paso dos programas Negocios de familia consolidouse como un espacio entretido no que as risas tamén teñen un pequeno oco. Hoxe, desde as 18.15 horas, Manolo Saavedra, que confesa que “son o malo do xurado”, cruza ó outro lado do plató para comprobar que os seus compañeiros son con el máis rigorosos do que foron nunca con calqueira outro participante.