Migallas pecha o campamento da Baña cheo de obradoiros

Campamentos
M. Manteiga
Participantes nos campamentos urbanos da Baña na visita a casa do concello. foto: CDB

A Barcala. O Concello da Baña despide o seu campamento urbano cunha actuación, –este mércores 31 ás 12.30 horas en Agra de Chans– do grupo teatral Migallas, que conducirá unha sesión de cantaxoga á que todos os veciños están convidados. “Traede aos pequenos e pequenas, non volo perdades os e as maiores e, sobre todo, ide con moitas ganas de divertirvos”, apuntan fontes locais.

Este campamento urbano afronta a súa última semana cunha axenda cargada de actividades para a rapazada participante. Así, os integrantes do Club Petanca Negreira visitaron recentemente aos usuarios para lles contaxiar a súa paixón por este deporte, que cada día gaña adeptos. Pero tamén desenvolveron manualidades, elaborando atrapasonos, mandalas, monstros con cartóns, pintura con volume e unha oca pola sostenibilidade, sen esquecer os talleres de horta e ioga ou a visita ó consistorio.

Pola súa banda, quince mozos veñen de saír cara Boiro para participar ata o día 2 no Campamento de verán en Espiñeira, baixo a organización da administración local. Foi o alcalde en funcións, César Ramos, e a edil de Cultura, Lorena Trillo, quenes despediron á comitiva bañense na praza do Concello. M. Manteiga