Mozos de Boqueixón e Vedra participaron nun programa de voluntariado

Voluntariado
Claudina Estévez
Manuel Fernández, 1º esquerda, e Cristina Pichel, centro, cos participantes. Foto: Xunta

Boqueixón. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, achegouse este sábado a coñecer o programa de voluntariado xuvenil do Val do Ulla, en Boqueixón. Alí puxo en valor que este proxecto, que reuniu a mozos de Vedra e Boqueixón, está apoiado pola Xunta de Galicia no marco das axudas de voluntariado. Pichel lembrou que o Goberno galego “segue apostando polo voluntariado por permitir fomentar un ocio responsable e unha aprendizaxe non formal entre a xuventude”. Neste sentido, apuntou que a Xunta “ten en marcha un novo programa de voluntariado interxeracional no medio rural que permite que persoas de máis de 55 anos transmitan a súa experiencia á mocidade”. Esta proposta de voluntariado xuvenil, que xa rematou, contou coa participación de 20 mozos de entre 16 e 25 anos. C.E