Museos de toda Galicia vanse xuntar o venres na Casa Rosalía

Museos
S.E.
Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía

Padrón. A Fundación Rosalía de Castro pecha este venres o proxecto europeo Open Museums. European Museums stay open through digital technologies (Museos abertos. Os museos europeos mantéñense abertos a través das tecnoloxías dixitais) que lidera en colaboración con socios de Italia, Países Baixos ou Grecia, entre outros. Trátase dun proxecto financiado polo programa Erasmus+ que pretende promover a transformación dixital en museos pequenos e medianos.

A xuntanza comeza este xoves cunha xornada pechada, coa participación dos socios europeos, e rematará o venres cunha mañá dedicada á formación á que está prevista a asistencia de máis de cincuenta traballadores de museos de toda Galicia.

Abrirá a xornada Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, e Rocío Castro, responsable de Proxectos da Fundación, presentará Open Museums. Impartirá unha masterclass Clara Merín (sobre estratexia dixital en museos) consultora en marquetin dixital para institucións culturais. E, por último, disertarán sobre A nova xeración de tours virtuais: non fagas un percorrido, constrúe unha experiencia, Pancho Tristán e Darío Janeiro, socios de Orestes Comunica. s. e.