Reactiva

O primeiro turno será do 19 de febreiro ao 19 de abril, e xa se anotaron cen establecementos
COVID
Marcos Manteiga
Autoridades e políticos municipais con representantes dos comerciantes na presentación do Plan Reactiva amesán. Foto: CDA

Ames. O tripartito amesán aprobou a modificación das bases da campaña de tarxetas bono Reactiva Ames, á que xa se sumaron cen comercios. Deste xeito, cámbiase o primeiro período da campaña Merc@mes, previsto do 5 de febreiro ata o 31 de marzo, pero ante as novas restricións e a incidencia da COVID, desenvolverase do 19 de febreiro ata o 19 de abril. A segunda fase será do 1 de setembro ata o 31 de outubro.

Durante esas quendas, a clientela do comercio local poderá mercar dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50 € para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100 €. A través desta iniciativa foméntanse as compras no comercio local de Ames.

Así, a Concellaría de Promoción Económica de Ames está desenvolvendo a campaña de tarxetas bono Reactiva Ames, a través da cal durante este exercicio 2021 se porán en circulación 3.000 tarxetas-bono para gastar nos establecementos amesáns, elevando o volume de negocio a 280.000 euros.

O prazo de inscrición na campaña estará aberto ata o 14 de febreiro de 2021, e para anotarse hai que entrar na sede electrónica do Concello de Ames e cubrir a solicitude que se atopa debaixo do apartado de Trámites en liña co nome de Tarxetas-bono. Para poder cubrir o impreso de solicitude é necesario identificarse con certificado dixital ou DNI electrónico. É importante que as persoas que cubran dita solicitude acheguen o código de comercio. m.m.