Núñez Seixas presentará a súa obra ‘Volver a Stalingrado’ sobre a guerra

Ensaio
M.M.
Xosé Manoel Núñez Seixas vai presentar a súa nova obra este xoves en Ames. Foto: Cabalar

Ames. O departamento de Bibliotecas amesán organiza o terceiro encontro literario do curso 2022-2023, no que o historiador e escritor ourensán Xosé Manoel Núñez Seixas (nado en 1969) presentará o seu último traballo, Volver a Stalingrado, este xoves ás 20.00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañará ao autor Víctor Fernández Freixanes, escritor e presidente da Real Academia Galega, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González, e con entrada libre ata completar aforo. A obra supón un repaso á pegada que deixou en Europa a fronte oriental da Segunda Guerra Mundial, o escenario máis sanguento e devastador deste gran conflito bélico do século XX, no que se estima que morreron sobre 30 millóns de persoas nas batallas libradas entre a Alemaña nazi e a Unión Soviética. O ensaio mostra o seu impacto cultural na memoria colectiva da sociedade e na política. M.M.