O alcalde de Padrón entrégalle ao alumnado da unitaria de Carcacía o diploma da Pedronía

Escolares
María Rendueles
O alcalde e a concelleira cos escolares da unitaria de Carcacía. Foto: C. P.

Padrón. O alumnado do CEIP de Pousada de Carcacía visitou hai uns días o Concello de Padrón, onde foron recibidos polo alcalde da vila rosaliana, Antonio Fernández Angueira, e pola concelleira responsable da área de Cultura, Lorena Couso, que antes da súa partida lles agasallaron entregándolles aos da unitaria un diploma da Pedronía.

Os nenos e nenas da unitaria de Carcacía transmitiron con entusiasmo todo o que levan aprendido este curso sobre a lenda da raíña Lupa e da Traslatio, no marco do proxecto Vexo, Vexo, Xacobeo.

Durante a visita á casa consistorial, convidaron ao rexedor e á concelleira a coñecer de primeira man a exposición de traballos sobre o Camiño de Santiago que teñen no seu centro e no que estiveron traballando durante o curso escolar que vén de rematar.

Ademais, o alumnado do CEIP entregoulle ao rexidor padronés unha copia do gravado de Diego de Astor, do ano 1609, no que se representa a Traslatio.

Finalmente e como recordo da visita, nenas e nenos recibiron de mans do alcalde o seu diploma da Pedronía. m. rendueles