O Apalpador e a Banda da Montaña estarán no Pazo da Peregrina o 16

Apego
M. Outeiro
Imaxe de arquivo dunha anterior visita do Apalpador a Ames, onde voltará o día 16. Foto: CA

A Maía. O Apalpador visitará Ames o vindeiro venres, 16 de decembro, da man do programa Apego. Estará no patio do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 18.00 horas e, nesta ocasión, virá acompañado pola divertida Banda da Montaña.

Deste xeito, chegará ata A Maía cargado de contos e cantos e cun agasallo para toda a rapazada que acuda a velo. Os interesados en asistir poden anotarse ata o día 15 de decembro, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. Nel, deben indicar o seu nome e apelidos, a idade das crianzas que os acompañan e un teléfono de contacto. O Apalpador é a figura mítica dun xigante carboeiro, moi ligado á tradición do Nadal en Galicia. Desta volta, chega a Ames coa Banda da Montaña, cargado de contos e de música. Ademais, durante a súa visita repartirá un agasallo procedente da súa terra, a Serra do Courel, a todas as crianzas que acudan. M.O.