O colexio de Pino de Val xa pode mudar en residencia

Servicios
O.D. Vilar
Antigas instalacións do CEIP mazaricán de Pino de Val. Foto: CG

Xallas. Vén de entrar en vigor en Mazaricos a posibilidade de reconvertir o antigo colexio de Pino de Val en centro de día e/ou residencia. Hai que lembrar que os alumnos e corpo docente pasaron a depender do CPI da súa capital, A Picota, dende hai xa tempo.

Deste xeito, foi no pleno do Concello de Mazaricos onde, en sesión extraordinaria do día 23 de febreiro de 2022, acordouse aprobar inicialmente a mutación demanial obxectiva da edificación e recinto do CEIP Pino de Val, con desafectación do inmoble referido do servizo público do ensino e simultánea afectación a un uso socioasistencial, de carácter local, para a creación dun centro de día e/ou unha residencia.

O expediente someteuse a información pública polo prazo dun mes, de conformidade co artigo 8 do Real Decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de bens das entidades locais, e o anuncio foi publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña número 41, do 2 de marzo de 2022, e no taboleiro de anuncios do concello. No prazo de exposición pública, non se recibiu reclamacións, suxestións ou alegacións ao citado expediente, polo que se considera definitivamente aprobado ese acordo municipal. O.D. Vilar