O Concello busca consolidar o emprego de 38 funcionarios e 80 contratados

Trabajadores públicos
M.M.
Foto de arquivo do edil Lens, 2º esqu., con persoal. Foto: CDA

Ames. A xunta de goberno amesá aprobou a oferta de emprego público para a estabilización de emprego temporal no Concello correspondente á Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, cun total de 118 prazas (38 de persoal funcionario e 80 de persoal laboral).

Trala aprobación en Xunta de goberno local, a OEP 2022 do Concello de Ames ten que ser publicada no diario oficial correspondente antes do 1 de xuño. Trátase dun proceso de estabilización no que a maior parte das prazas se estabilizarán unicamente por medio dun concurso de méritos (prazas afectadas polas disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021 de redución da temporalidade) e outras prazas serán estabilizadas mediante o sistema de concurso-oposición (prazas afectadas polo artigo 2 da Lei 20/2021 de redución da temporalidade).

O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, explica que “esta medida permitirá dar resposta á situación de temporalidade que afecta a unha parte do persoal do Concello, reafirmando a disposición do Goberno local a dar maior seguridade aos traballadores interinos, dentro dos marcos definidos pola lei. O seguinte paso para avanzar no proceso de estabilización será aprobar as bases e convocar os correspondentes procesos selectivos, para o que a Lei 20/2021 sinala como data límite o 31 de decembro”, explicaba o citado edil. M. M.