O concello de Brión confirma a anulación de todas as actividades da romaría de Santa Minia

Haberá sancións para quen ocupe espazo de dominio público // A Igrexa manterá o programa de misas seguindo o protocolo covid // Farase unha tirada de fogos de artificio dende tres parroquias na noite do sábado ao domingo
Romaría
El Correo Gallego
Imaxe de arquivo da romaría de Santa Minia en Brión. Foto: cedida

Brión. O Concello de Brión confirma a anulación da Romaría de Santa Minia e de todas as actividades a ela vencelladas: verbenas, actuacións culturais, postos de venda, atraccións, polbeiras, queima da fachada, animación de rúa... De feito, o único que se mantén é unha gran tirada de fogos de artificio dende Brión, Bastavales e Viceso que poderá ser seguida desde calquera parte do municipio, evitando así a aglomeración de xente.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, mantivo esta mañá unha reunión co equipo organizador do programa de Santa Minia, así como coa Policía Local, para analizar a situación de cara a esta próxima fin de semana. Así, o Concello lembra que todas as actividades municipais relacionadas coa Romaría de Santa Minia están suspendidas e que non autorizará a instalación de ningún tipo de posto, xa sexa de venda, alimentación ou atracción lúdica, en espazos de dominio público.

O único que se mantén é a programación de misas, xa que a súa organización e desenvolvemento non é competencia do Concello de Brión, senón da Igrexa. Aínda así, a Policía Local velará en todo momento polo correcto e estrito cumprimento do protocolo anticovid nestas celebracións relixiosas. Unha tarefa para a que contará tamén coa colaboración da Garda Civil na tarde/noite do sábado 26 de setembro e durante o domingo 27 de setembro, Día de Santa Minia.

Dende o Concello de Brión lamentan a suspensión da súa máis emblemática festa, que este ano ademais cadraba en domingo, o que podería supoñer nun ano normal a asistencia duns 50.000 romeiros e romeiras. Porén, o incremento de contaxios na área sanitaria fai que o máis prudente sexa a suspensión de toda a programación preparada polo Departamento de Cultura para esta fin de semana, tal e como se anunciou a principios deste mes de setembro.