O informe defendido no pleno sinalou, entre outros méritos, como a familia de Reboiras buscou mellores condicións de vida en Vigo. Alí Moncho estudou enxeñería industrial e comezou a tomar conciencia da “opresión nacional de Galiza co asoballamento do seu pobo, co baixo nivel de vida do agro, coa super explotación, co conflito lingüístico...”. Forma parte de incipientes movementos culturais, sindicais e políticos no ambiente nacionalista galego, xermes de sindicatos como a actual CIG e o BNG.
O militante da UPG é sitiado por 300 membros da BPS franquista e despois de salvar a Elvira Souto e Lois Ríos é asasinado en Ferrol polas costas.
O estado español, a instancias da familia e do deputado nacionalista galego Francisco Rodríguez, outórgalle da man do entón Ministro do Interior Francisco Caamaño a DECLARACIÓN DE REPARACIÓN E RECOÑECEMENTO PERSOAL como vítima do franquismo.
O equipo de goberno incidiu nos méritos do veciño de Imo sinalados na proposta. Así, o voceiro do PSOE Ramón Abuín sinalou a importancia como sindicalista. Tamén Xoán Xosé Vicente de Unidade Veciñal recoñeceu tamén a súa importancia para a cultura e política galega do veciño de Imo, fillo de José e Generosa.