O concurso público de oficinas de farmacia dá máis servizos ao rural

Portomouro, en Val do Dubra, foi un dos núcleos beneficiados por este plan da Xunta
Rural
Claudina Estévez
Pola esquerda, Cristina Pérez, Alberto Fuentes, José Manuel Varela, as propietarios da farmacia, Héctor Castro e Gonzalo Trenor. Foto: Xunta

Val do Dubra. O último concurso público de oficinas de farmacia convocado pola Xunta de Galicia deu como resultado un incremento de servizos no eido rural. O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, estiveron visitando esta semana a oficina de farmacia de Portomouro, en Val do Dubra (adxudicataria do último concurso).

Dende o Goberno galego consideran a atención farmacéutica un servizo fundamental para a asistencia sanitaria poboacional. “Así, a actualización periódica que realiza a Consellería de Sanidade sobre o mapa de farmacias galegas, permite reforzar a atención farmacéutica naquelas zonas que o precisan”, apuntan dende a Xunta.

Deste xeito, a Consellería convocou un concurso público no ano 2018 que foi resolto en xuño do ano pasado autorizándose 41 novas oficinas de farmacia, das que o 76% corresponden ao ámbito rural ou semiurbano (20 no rural e 11 en área semiurbana). Entre elas, na provincia da Coruña, a resolución deste concurso significou que o núcleo de Portomouro (Val do Dubra), ou o concello de Vilasantar, volvan contar cunha oficina de farmacia, tras anos sen este servizo.

Previamente a este concurso público, levouse a cabo a elaboración dun novo mapa farmacéutico, coa planificación da autorización de novas oficinas de farmacia e a delimitación territorial para o seu emprazamento. Este novo mapa resultaba absolutamente necesario, dado que as circunstancias a ter en conta para determinar as necesidades de servizo reais da poboación tiñan mudado substancialmente desde a aprobación do antigo mapa farmacéutico, que databa de 2002.

Entre as novidades deste último concurso, cómpre subliñar a actualización do baremo aplicable para a valoración dos méritos, que daba un maior peso á experiencia profesional e á adxudicación das oficinas de farmacia nun acto único, o que axilizou dun xeito significativo o proceso ao realizar nun só día un procedemento que noutros concursos tiña levado meses.

Ditos servizos “son un elemento imprescindible pola súa integración nas poboacións e proximidade cos usuarios, especialmente no ámbito rural”. C.E.