O curso nas Aulas Sénior de Padrón comeza o 17

Inicio de curso
ARCA
Unha das clases das Aulas Sénior de Padrón

Padrón. As Aulas Sénior de Padrón, xestionadas por Ategal, en colaboración co Concello, veñen de facer pública as datas de apertura de matrícula e a programación completa para o presente curso 2022-23, que comezará a súa andaina o 17 de outubro e finalizará o 31 de maio de 2023.

As actividades do programa de envellecemento activo están destinadas a maiores de 50 anos tanto de Padrón como da contorna. Ten un custe anual de 58 € por persoa (100 € se é matrimonio) e 10 € por actividade. As persoas empadroadas poderán matricularse a partir do 15 de setembro. A matrícula abrirase a todas as persoas maiores de 50 anos da comarca a partir do 23 de setembro. Cómpre subliñar que as Aulas Sénior de Padrón, que están a piques de cumprir 30 anos, son todo un referente en Galicia.

Por outra banda, Padrón fixo pública a ampla oferta deportiva para o curso das Escolas deportivas municipais así como de actividades físico-deportivas para adultos. As principais novidades son a implantación da escola deportiva municipal de voleibol e a actividade de tenis para maiores de 14 anos. Tamén está a implantación da nova ordenanza de cotas xa aplicada na inscrición. O luns, día 12, abrirase a matrícula. arca