O Milladoiro acollerá a primeira obra do grupo municipal de teatro

‘Aquí non paga ninguén’ foi a escollida para estrearse este sábado ás 20.30 horas
Teatro
C.G.
Cartel anunciador da obra ‘Aquí non paga niguén’. Foto: C.A.

Ames. A casa da cultura do Milladoiro acolle este sábado 16 de xullo a representación de Aquí non paga ninguén, a estrea do Grupo de Teatro Municipal de Ames. A obra conta a historia das veciñas dun edificio que asaltan o supermercado do barrio fartas da súa situación económica. Acabarán tecendo unha rede de mentiras para conseguir saír da súa aventura sen rematar no cárcere.

Será a partir das 20.30 horas, con convites de balde que xa se poden retirar na billeteira electrónica do Concello de Ames. Pese a ser escrita en Italia no 1974, a comedia Aquí non paga ninguén é unha das máis representadas do dramaturgo transalpino Dario Fo, e mantén a día de hoxe unha rabiosa actualidade. Trátase dun relato da inflación e da precariedade, unha crítica aos recortes en dereitos laborais e aos salarios para conseguir máis beneficios, e unha mostra da falta de compromiso e do conformismo de parte da clase política.

O reparto está formado por Emilia Mayo, como Vicenta; Carmela Pardal, como Amparo; Maite Fajardo, que fará de Antonia; Marisol Mosquera, como Amalia; Noelia Mayán, como Adela; Gene Martínez, que será Margarita; Pablo Núñez, como Xoán; Ilduara García, que fará de inspectora, de garda civil e de empregada, e Carlos Labraña, como Luis. c.g.