O PP teense solicita que se reparen varias pistas en Luou, Calo e Reis

camiños
Claudina Estévez
Imaxe captada polo PP de Teo en Insua, Luou. Foto: PP Teo

TEO. O PP de Teo solicitou no pleno que “o Goberno local non agarde máis para executar obras de varias vías que se encontran nun estado de total abandono”. Refírense en concreto ás de Insua (Luou), Socastro (Calo) e Xermeade (Reis). Algúns concelleiros visitaron as pistas afectadas, “comprobando en primeira persoa as graves deficiencias que presentan”. No caso de Insua critican sobre todo o estado da zona dos lavadoiros ou o muíño. En Socastro denuncian a falta de mantemento da pista que cruza a aldea. Pediron tamén que solucionen os problemas da que cruza Xermeade. O Concello asegura que “peticións como a de Insua ou San Domingos xa foron incluídas no listado de obras que contan con financiamento provincial a executar en breve”. Segundo vaian tendo financiación procederán “ao aglomerado das pistas pendentes”. C.E.