O roupeiro amesán atendeu máis de 600 demandas de útiles

O servizo continúa en funcionamento pero o de recollida de doazóns volve o 15 de setembro
Voluntariado
C.G.
Imaxe do roupeiro municipal. Foto: C.A.

Ames. O roupeiro municipal de Ames, xestionado pola Oficina do Voluntariado, atendeu na primeira metade de 2022 máis de 600 demandas de roupa, calzado e útiles da vida cotiá, co fin de axudar á veciñanza amesá a facer fronte as súas necesidades básicas. Ademais, neste período o banco de útiles infantís recolleu 120 aveños, como berces, carriños ou tronas.

Coa chegada do verán, o servizo continúa en funcionamento, recollendo as solicitudes da poboación no horario habitual, achegándose ata a Oficina do Voluntariado ou ás oficinas municipais de Servizos Sociais de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 h. Non obstante, o servizo de recollida de doazóns estará suspendido ata o 15 de setembro, día no que se recuperará o funcionamento habitual.

O roupeiro, que controla a Oficina de Voluntariado de Ames, está xestionado na actualidade por oito persoas voluntarias do concello. Deste xeito, este persoal recibe as doazóns, como prendas ou útiles, e selecciona as que estean en bo uso, almacénaas e entrégaas ás persoas ou familias que as precisen, coa supervisión do persoal técnico da Oficina de Voluntariado.

O roupeiro municipal, situado en Aldea Nova, funciona dende 2002 para axudar á veciñanza amesá. C.G.