O servizo de limpeza e roza do rural de Ames xa actuou en tres parroquias no último mes

Mantemento
M. Boo
O alcalde, Blas García, á dereita, e o concelleiro de Medio Rural, supervisaron os traballos. Foto: C. A.

Ames. A brigada de limpeza traballará nas once parroquias nas que se divide o Concello de Ames, incluíndo un total de 107 núcleos rurais. Ata o momento, xa se limparon, rozaron e recolleron os 17 lugares das parroquias de Piñeiro, Tapia e de Ameixenda. Agora é a quenda da parroquia de Ames e das súas 18 aldeas, para despois continuar cara a Lens, Agrón, Trasmonte e Covas. Neste senso, o persoal da brigada recibiu na mañá do mércores 26 a visita do alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, e do concelleiro de Medio Rural, Santiago Márquez, co fin de observar os traballos de roza que se estaban levando a cabo nas marxes da estrada do lugar de Quintáns. O dirixente amesán amosou a súa satisfacción por este servizo de recente creación, xa que “vén a poñer en valor a importancia dos núcleos rurais do noso concello, cun sistema de limpeza e mantemento que non existía ata o de agora”.

Así mesmo, García confirmou “a boa acollida que está tendo esta brigada por parte da veciñanza”, xa que, segundo a versión do alcalde, “foron moitas as persoas que nos comunicaron a súa ledicia polo traballo que se está a realizar”. O servizo comezou a actuar en decembro, despois de que fóra adxudicado no pasado mes de outubro á empresa Jardincelas por 227.754 euros. Os traballos do programa, parte do Plamrural Ames, consisten na realización da roza, limpeza e mantemento das marxes de camiños e estradas, incluíndo a contorna de lavadoiros, igrexas, locais sociais, muíños, beirarrúas ou marquesiñas. Do mesmo xeito, o persoal tamén recolle, carga e transporta os produtos derivados da roza e da retirada de obstáculos, como terra ou maleza. Precisamente, este equipo de traballadoras conta con dúas persoas que recibiron formación no eido forestal nos talleres de emprego. C. A.