O xuíz anula a suba do IBI de Ames

Sentencia
C. G.
O Concello estudará un posible recurso de casación ante o Supremo. Foto: P.A.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obriga ao Concello de Ames a devolver a parte do IBI cobrada de forma antidemocrática no ano 2020 e non poderá aplicar a suba no 2021. Hai que lembrar que a Corporación non convocou ao Partido Popular ao pleno extraordinario e urxente do pasado 28 decembro de 2019, sesión na que se daba luz verde á suba do Imposto de Bens Inmobles. Agora, trala demanda dos populares, o TSX dalle a razón ao PP e declara nula a sesión plenaria. Tras ter coñecida a resolución da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se desestima o recurso de apelación interposto polo Concello de Ames contra sentenza de data 22 de setembro de 2020, ditada polo Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Santiago de Compostela, no procedemento de protección do recursos fundamentais presentada polos concelleiros e concelleiras do Partido Popular de Ames ante a Convocatoria do Pleno Extraordinario e Urxente de data 28 de decembro de 2019, o goberno amesá manifesta unha vez máis o seu “respecto aos tribunais e as súas resolucións xudiciais”, e así mesmo infórmase que “durante os vindeiros días analizarse en profundidade dita sentenza cos servizos xurídicos municipais, de cara a ver as distintas repercusións que terá nos orzamentos municipais do ano 2021, así como a viabilidade dun posible recurso de casación ante o Tribunal Supremo”, aclaran dende o goberno local.