Obradoiro de xardinería e de limpeza na capital xalleira

Obradoiro de emprego
O.D. Vilar
Alumnos dun anterior obradoiro de emprego, o Xallas-Barcala-Dubra IV, arranxando a casa da cultura de Negreira. Foto: CDN

Xallas. O Concello de Santa Comba, como promotor do Obradoiro de Emprego Reacciona, xunto cos concellos da Baña, Negreira e Dubra, é beneficiario dunha subvención por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para a realización dun obradoiro para desempregados maiores de 18 anos.

En total, serán vinte alumnos traballadores distribuídos nas seguintes especialidades formativas: actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería (10 persoas), e limpeza en espazos abertos e instalacións industriais (outras dez).

Esta iniciativa terá unha duración de 12 meses, e a preselección de candidatos a sumarse farase na Oficina de Emprego Santiago Norte entre aquelas persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de traballo e que teñan solicitado algún dos seguintes servizos: escolas taller, casa de oficios, taller de emprego, outros programas de emprego, formación dual e suspensión específica de programas experimentais de emprego.

Quen estea interesado en participar, aínda sen estar inscrito nos devanditos códigos, poderán facelo ata o vindeiro día 26 de agosto ás 14.00 horas pedindo cita na oficina de emprego. O. D. Vilar