Obradoiro Orella pendella para Apego con Migallas

Teatro
M. Outeiro
Unha integrante de Migallas Teatro, que trae o obradoiro Orella pendella ata Ames. Foto: MT

Ames. A compañía Migallas Teatro pecha o setembro do programa Apego amesán con Orella pendella, un obradoiro para familias con música en directo no que aprender ditos infantís, xogos, contos, recitados e cancións de sempre para interactuar coa rapazada, revitalizar o uso da lingua e estimular a súa capacidade cognitiva e comunicativa.

A actividade, dirixida ás nenas e nenos de 0 a 6 anos, terá lugar o venres 30 de setembro na casa da cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas. E para participar, cómpre inscribirse dende hoxe ata o 29 de setembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal , no que se indiquen nome e apelidos dos asistentes, teléfono de contacto e idade dos nenos. Orella pendella é unha sesión de narración oral e un taller para aprender e xogar cos ditos infantís e as cancións tradicionais. Migallas Teatro busca difundir ca web orellapendella.gal a literatura popular infantil galega. M. O.