Houbo actividades dende Fornelos ou Oia ata as Fragas do Eume // Primáronse as medidas de seguridade e os grupos reducidos // Os que tiveron máis demanda, con sesenta asistentes, foron os que acolleu a aula da natureza municipal TEXTO O.D Vilar

Ocio estival para 230 rapaces cos campamentos de Ames

O.D. Vilar
Mocidade embarcada nunha das actividades náuticas de ocio amesán neste verán. Foto: CDA

O programa amesán de campamentos municipais acadou os 228 participantes e ampliou este ano a súa oferta respecto dos que oferta a Concellaría de Transición Ecolóxica que se desenvolven nas instalacións da aula da natureza. O programa rematou o pasado 5 de setembro coa finalización do que se realizou na Granxa escola O Kiriko, en Fornelos de Montes. Dirixíronse ao alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato e aos integrantes das actividades na citada aula.

Ademais, dende o Concello de Ames lembran que se fixeron baixo estritas medidas de seguridade impostas pola pandemia do coranavirus, a base de grupos reducidos, máscaras, respecto da distancia de seguridade e das normas de hixiene, e actividades por quendas. Durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro desenvolvéronse sete campamentos, que estiveron dirixidos a rapaces e rapazas que cursan estudos de Primaria, Secundaria e segundo curso de Bacharelato. Os dirixidos ao alumnado de Primaria foron organizados pola Concellaría de Transición Ecolóxica. Nestes participaron un total de 108 rapaces e rapazas que se desprazaron ata a Granxa escola Corazón de Carballo (Tomiño); Naturmaz (Mazaricos); Ecoalbergue Alvarella (Fragas do Eume); Cámping Praia O Terrón (Vilanova de Arousa) e Granxa escola O Kiriko.

No campamento Corazón de Carballo, os novos aprenderon a facer queixo, coidaron da horta, alimentaron o gando, fixeron shows musicais e televisivos nos que tiveron a oportunidade de entrevistar a supostos pirómanos e turistas que sementaban lixo polos montes e crearon minimundos, pequenos ecosistemas en botes de cristal que poden sobrevivir, xa na casa dos rapaces, durante décadas. E no de Naturmaz, a rapazada gozou da que din é unha das maiores tirolinas de Galicia. Ademais fixeron tiro con arco, paintball, kaiac e todo tipo de xogos de auga. Porén, a actividade que deixou máis abraiados foi a manta raia xigante, arrastrada por unha zodiac, na que tiveron a oportunidade de navegar.

ECOALBERGUE. No campamento Ecoalbergue Alvarella participaron nunha ruta polas Fragas do Eume. Tamén fixeron actividades de tiro con arco no Castelo de Andrade, rutas de kaiak, talleres de reciclaxe, actividades de piscina, e sobre todo os refuxios, vivacs, que eles mesmo construíron para pasar a noite no monte. No cámping do Terrón, en Vilanova de Arousa, os rapaces e as rapazas tiveron a oportunidade de durmir en tendas xigantes. Neste campamento, a rapazada fixo moito deporte marítimo e ademais tivo a oportunidade de coñecer a fauna mariña e as algas. Natación, kaiak, submarinismo, windsurf foron algunhas das actividades lúdicadas que tiveron ocasión de practicar.

Por último, na Granxa escola O Kiriko participaron en actividades ambientais, rocódromo, tirolina, actividades de kaiak ou mesmo de padel surf.

Por outra banda, a Concellaría de Mocidade realizou dous campamentos no cámping praia O Terrón (Vilanova de Arousa) e no de Mougás (Oia), con sesenta mozos de Secundaria e Bacharelato. Entre as actividades máis destacadas estiveron as de sendeirismo, kaiak, body board e skin board, slackline ou deportes acuáticos e de montaña.

E unha das novidades do programa de verán deste ano foi a ampliación da oferta da Concellaría de Transición Ecolóxica respecto dos campamentos urbanos que se ofrecen na Aula da Natureza. Deste xeito, realizáronse tres quendas con vinte participantes cada unha. Foron os máis demandados polosnenos e xoves amienses.