Os Bolechas de Carreiro abordaron as causas e secuelas do dano cerebral

Daño Cerebral Adquirido
M. Outeiro
Pepe Carreiro debuxou aos Bolechas diante da rapazada amesá no Milladoiro. Foto: CDA

Ames. A biblioteca municipal do Milladoiro acolleu a presentación do libro Mireia conta que é o dano cerebral adquirido, un relato especial da serie Os Bolechas en colaboración coa Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) que pretende explicar aos máis cativos as causas, pero tamén as secuelas que leva aparelladas a discapacidade.

No acto participou a concelleira de Cultura do Concello de Ames, Natividade González, quen subliñou o carácter pioneiro do seu municipio na difusión. E tamén estiveron o presidente e a directora desa federación, Luciano Fernández e Begoña Hermida, ademais do autor do libro, Pepe Carreiro. Dous nenos pertencentes á asociación de dano cerebral Sarela, Julia e Pedro, encargáronse de ler o conto ao resto de participantes no acto. Para rematar, Carreiro completou en vivo un debuxo nun portafolio e asinoulles aos cativos presentes a versión física do libro, que repartiu entre os asistentes. M.O.