Os nenos de Boqueixón reflexionan sobre os seus dereitos nun pleno

Un total de 40 rapaces do CPI Antonio Orza Couto asinaron co alcalde un manifesto
Pleno
Claudina Estévez
Algúns dos participantes durante o pleno infantil. Foto: C.B.

Boqueixón. O salón de plenos do Concello de Boqueixón acolleu este mércores a sétima edición do pleno infantil, unha actividade organizada polo departamento de Servizos Sociais para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas. Un total de 40 rapaces de 5º e 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto acudiron á casa consistorial para trasladarlle ao alcalde, Manuel Fernández Munín, e á concelleira de Ensino, Marta Copóns Neira, as súas reflexións sobre os seus dereitos. Así mesmo, a rapazada rematou asinando co alcalde un manifesto “con tres compromisos acadados na aula para que non exista discriminación entre nós e poidamos gozar dos nosos dereitos por igual”, apuntou Martín Carrillo, un dos 13 “concelleiros/as” por un día. Eses tres compromisos son: “ter compañeiros comprensivos que saiban ter empatía e respecto polos demais, que todos os nenos e nenas consideremos as opinións dos demais aínda que sexan diferentes ás nosas e respectar aos profesores como eles nos respectan a nós”.

Fernández Munín foi o encargado de dar a benvida á rapazada e ás súas mestras, explicando que “con esta actividade queremos fomentar a participación das nenas e nenos no noso municipio”. C.E.