Padrón reencóntrase a través da arte coa Galicia Medieval

O Concello propón á veciñanza actividades divulgativas para achegarse á época // Se desenvolverán do 3 ao 14 de novembro
Historia de Galicia
María Rendueles
A ponte do Carmen ou de Santiago, na localidade coruñesa de Padrón, pola que pasa a Ruta Xacobea. Foto: Gallego

Novembro arrinca con forza en Padrón e faino cunha proposta singular na que a historia será a protagonista. A través do programa Reencontro coa Galicia Medieval, o Concello de Padrón propón a toda a veciñanza un achegamento á Idade Media na que arte, música e actividades divulgativas van da man. A iniciativa cultural desenvolverase do 3 ao 14 de novembro.

“Trátase dunha proxecto moi interesante e completo que permitirá a toda a veciñanza redescubrir a época medieval dende outra perspectiva, non só a histórica, senón tamén a emocional”, subliña o alcalde de Padrón, Antonio Fernández.

Reencontros coa Galicia Medieval arrinca o xoves 3 coa inauguración da exposición de pintura medieval do artista Pedro Castro Couto, guiada pola catedrática de instituto Mª Eva Ocampo Vigo. Será ás 19.00 horas, no auditorio de Padrón. A mostra estará aberta ao público ata o 14 de novembro e inclúe preto de 25 pezas todas ela con temática medieval na que se reflicten costumes, feitos históricos e lendas. A inauguración estará acompañada dun concerto de música medieval a cargo do grupo Medievalium Gallaecia coa soprano Victoria Álvarez Acón, o zanfoñista e frautista Eloy Vázquez e o percusionista Alberto Cabezas.

O xoves 10 de novembro, tamén no auditorio municipal e ás 19.00 horas, o catedrático Xosé A. Ponte Far impartirá unha conferencia ilustrada con imaxes sobre Os castelos medievais galegos, na que debullará a historia e a evolución destas construcións ata os nosos días, aderezadas con algunha que outra anécdota. E, Mª Eva Ocampo Vigo presentará a unidade didáctica A Idade Media en Galicia (S.V-XV) dirixida ao alumnado de Secundaria, na que se explica a historia, os costumes e a arte da época medieval en Galicia. Unha proposta para que o alumnado coñeza as raíces medievais.

Reencontro coa Galicia Medieval é un proxecto promovido polo Grupo Medievalium Gallaecia que conta co patrocinio da Xunta e a colaboración dos concellos de Padrón e Negreira.