Pakolas vai preestrear en vivo ‘A Ramona Pequena’

Apego
M. Outeiro
Pakolas nunha das súas animadas actuacións como a que traerá con Apego. Foto: Pakolas

A Maía. Apego de Ames pecha o mes de outubro coa preestrea en directo do novo disco de Pakolas, A Ramona Pequena, unha proposta chea de humor dirixida ao público familiar para que os máis pequenos aprendan, canten e gocen a ritmo de rock. Para asistir ao concerto, que terá lugar o venres 28 ás 18.00 horas, na casa da cultura de Bertamiráns, é necesario inscribirse dende hoxe ata o día 27 de outubro. Pódese facer enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e apelidos dos asistentes, un teléfono de contacto e a idade dos nenos. Pakolas é un autor e compositor de música pensada para os cativos. Ao longo da súa traxectoria profesional pasou polos grupos Mamá Cabra e A Gramola Gominola, do que forma parte na actualidade. Conta con dous discos en solitario no mercado, e A Ramona Pequena é o seu último proxecto. Trátase dunha gala que chegará en primicia ata a capital amesá. M.O.