Paneis sobre o Pacto Verde Europeo con performance dende Milladoiro

Unión Europea
M.M.
Paneis da mostra ‘Pacto Verde Europeo’ na Coruña. Foto: DAC

Ames. A mostra itinerante Pacto Verde Europeo, do centro Europe Direct A Coruña, pertencente á Deputación, chegará á Travesía do Porto do Milladoiro este venres día 6, onde poderá visitarse durante dúas semanas. Alí, a veciñanza poderá achegarse de forma sinxela e didáctica aos obxectivos, retos e medidas climáticas e medioambientais que fixa Europa.

A localidade acollerá tamén unha actuación de malabares, equilibrios e acrobacias na rúa o 10 de maio. Ese mesmo día, ás 12.30 horas, o deputado Antonio Leira acudirá ao acto de inauguración da exposición que se realizará na Travesía do Porto. A concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente amesá encargouse de xestionar esta actividade coa Deputación da Coruña, cunha mostra que dará a coñecer os obxectivos da Comisión Europea en materia ambiental para os vindeiros anos.

O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da Unión Europea para transformar a súa economía nas vindeiras décadas e avanzar cara un sistema sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos. O obxectivo é acadar no 2050 a neutralidade climática.

Os paneis da exposición poderán verse na localidade ata o 20 de maio, e inclúen códigos QR que permiten ampliar a experiencia e levala a unha dimensión interactiva. Así, poderase atopar a Estación Verde, un entorno virtual en 3D con vídeos realizados por alumnos de 8 centros galegos con consellos e contidos. M.M.